Monday 29 de April de 2024

Inés Rey fai entrega das medallas de ouro da Batalla de Elviña a Elena María Galván, Luis Gorrochategui e Fernando Roade


O recoñecemento outórgase cada ano polo Comité Organizador da Batalla de Elviña con motivo da celebración do aniversario da Batalla

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe, no salón de sesións do Palacio Municipal de María Pita, o acto de entrega das Medallas de Ouro Conmemorativas da Batalla de Elviña 1809-2023, concedidas a Elena María Galván Vázquez, escritora, oficial de primeira do Rexistro da Propiedade e recreadora histórica; Luis Gorrochategui Santos, escritor e investigador e profesor de filosofía e Fernando Roade Rodríguez, enxeñeiro Industrial e xefe do Servizo de Medio Ambiente e Mobilidade do Concello da Coruña

Inés Rey, acompañada en María Pita por Manuel Arenas, presidente da Asociación Histórico Cultural Royal Green Jackets, amosou o seu agradecemento ás e aos galardoados ás portas de cumprirse o 214º aniversario da Batalla de Elviña. “Hoxe galardoamos coas medallas de ouro conmemorativas da Batalla de Elviña 1809-2023 a tres grandes persoas da nosa cidade, dándolle con elas o recoñecemento non só do Comité Organizador da Batalla de Elviña senón o alento e o cariño de toda A Coruña” sinalou a alcaldesa. Esta entidade é a encargada de outorgar cada ano o recoñecemento con motivo da celebración da data.

A rexedora definiu os galardoados como “tres excelentes exemplos de entrega á Coruña que hoxe recoñece o comité con estas medallas manifestando tamén o noso cariño polo seu labor” e dedicou unhas palabras persoais e de afecto a cada un deles. O galardón a Fernando Roade, outorgado a título póstumo, recolleuno Genoveva Fontela, viúva do enxeñeiro, acompañada por familiares de Roade.